5. Termos e Condicións de Uso
Acordo
Este Acordo aplícase ao servizo «Nós Demo TTS» (en adiante “Servizo” ou “Demostrador”) proporcionado polo Proxecto Nós da Universidade de Santiago de Compostela (en adiante “Titular”) que está orientado a ofrecer ás persoas usuarias (en adiante “Usuario/a”) fragmentos sonoros xerados artificialmente, a través dun sistema de conversión de texto a voz.
Ao empregar este Servizo, vostede ou, no seu caso, a persoa ou entidade que representa en base á correspondente autorización, leu integramente este documento, comprendeuno e acepta de maneira explícita e incondicional os termos e condicións deste Acordo, que rexerá o seu uso do Demostrador. Se non está de acordo, non debe facer uso do Servizo.
Asemade, vostede declara ser maior de idade e ter capacidade para asumir os compromisos deste documento. No caso de ser menor de idade, vostede non pode empregar este servizo. Como excepción a esta prohibición de uso por parte de menores de idade, permítese o uso por menores de idade se son acompañados polo seu titor ou representante legal, así como no marco das actividades de formación escolares, sempre acompañados polo profesor da clase.
Descrición do servizo
Identificación: Nós-TTS é un demostrador de síntese de voz (TTS ou "Text-To-Speech") en galego baseado en redes neuronais artificiais desenvolvido polo Proxecto Nós.
Obxecto: O obxecto destes Termos e Condicións é regular a relación entre o/a Usuario/a e o Titular no emprego do Servizo.
Vixencia: Os Termos e Condicións constitúen un marco contractual entre o Titular e o/a Usuario/a. Poden actualizarse en calquera momento sen aviso previo, sendo o deber do/da Usuario/a revisalos en cada novo uso do Servizo.
Uso do servizo
Suxeito ao cumprimento destas Condicións, calquera Usuario/a pode acceder ao Servizo e utilizalo. Ao utilizar o Servizo, deberá cumprir todas as leis aplicables, así como calquera outra norma ou directriz que poñamos á súa disposición. O Titular reserva para si o dereito de impedir o acceso ao Servizo en caso de vulneración destas Condicións.
A modo de exemplo, pero non restrinxido aos seguintes casos, o/a Usuario/a acepta que, ao utilizar este Servizo, se compromete a:
- Non utilizar o Servizo de forma que infrinxa, se apropie indebidamente ou viole os dereitos doutras persoas.
- Non declarar que o Contido foi xerado por persoas cando non é así.
- Non publicar, colgar nas redes, distribuír ou difundir calquera material ou información de carácter inapropiado, difamatorio, obsceno, indecente ou ilegal.
- Non colgar nas redes, ou poñer ao dispor doutras persoas de calquera outro modo, arquivos que conteñan material protexido polas leis de propiedade intelectual e as que regulan os dereitos das persoas, incluídas, a modo de exemplo e sen carácter limitativo, as leis de dereitos de autor ou marcas comerciais e os dereitos como publicidade, intimidade ou os dereitos morais das persoas, a menos que o/a Usuario/a posúa os dereitos correspondentes ou recibise o consentimento necesario para iso.
- Non utilizar calquera material ou información que estean dispoñibles a través do Servizo de calquera forma que infrinxa calquera dereito de autor, marca comercial, patente, secreto comercial ou outro dereito de propiedade de calquera parte.
- Non crear unha identidade falsa co fin de enganar a outros.
- Non restrinxir ou impedir a calquera outro usuario o acceso ou uso deste Servizo.
Contido
O Contido: O/a Usuario/a pode proporcionar información ao Servizo ("Entrada") e recibir información do Servizo baseada na Entrada ("Saída"). A Entrada e a Saída representan colectivamente o "Contido". O/a Usuario/a é responsable do Contido, incluíndo asegurarse de que este non viola ningunha lei aplicable nin estes Termos e Condicións. O/a Usuario/a declara e garante que dispón de todos os dereitos, licenzas e permisos necesarios para proporcionar material ao noso Servizo.
Propiedade do Contido: Entre o/a Usuario/a e o Titular, e na medida en que o permita a lexislación aplicable, o/a Usuario/a: (a) conserva os seus dereitos de propiedade sobre as Entradas; e (b) é o propietario das Saídas. Por medio deste Acordo, o Titular cédelle ao/a Usuario/a todos os seus dereitos, títulos e intereses, se os houbese, sobre a Saída, de acordo coa licenza que se menciona a continuación. O Titular non conserva nin almacena o Contido.
Licenza do Contido: Creative Commons-BY-4.0.
Uso ilegal ou prohibido
Como condición para o uso do Servizo, o/a Usuario/a non utilizará o Servizo para ningún propósito que sexa ilegal ou estea prohibido por estes Termos e Condicións. Non poderá utilizar o Servizo de ningún modo que poida danar, inutilizar, sobrecargar ou deteriorar calquera servidor do Titular ou a rede ou redes conectadas a calquera servidor do Titular, ou interferir no uso e goce do Servizo por parte de terceiros. Non poderá tentar obter acceso non autorizado ao Servizo, outras contas, sistemas informáticos ou redes conectadas a calquera servidor do Titular, mediante piratería informática, extracción de contrasinais ou calquera outro medio. Non poderá obter nin tentar obter ningún material ou información a través de ningún medio que non se puxo ao dispor intencionadamente a través do Servizo.
Renuncia e limitación de responsabilidade polo servizo O Titular non será responsable de ningún dano derivado do uso ou incapacidade para usar o Servizo.