5. Termos e Condicións de Uso
Acordo
Este Acordo aplícase ao servizo “Prototipo Nós-ASR” (en diante, o “Servizo”), proporcionado polo Proxecto Nós da Universidade de Santiago de Compostela (en diante, o “Titular”). O Servizo está orientado a ofrecer ás persoas usuarias (en diante “Usuario/a”) transcricións automáticas en lingua galega a partir de ficheiros de audio, mediante un sistema de recoñecemento automático da fala.
Ao empregar este Servizo, vostede ou, no seu caso, a persoa ou entidade que representa en base á correspondente autorización, leu integramente este documento, comprendeuno e acepta de maneira explícita e incondicional os termos e condicións deste Acordo, que rexerá o seu uso do Servizo. Se non está de acordo, non debe facer uso do Servizo.
Asemade, vostede declara ser maior de idade e ter capacidade para asumir os compromisos deste documento. No caso de ser menor de idade, vostede non pode empregar este servizo. Como excepción a esta prohibición de uso por parte de menores de idade, permítese o uso por menores de idade se son acompañados polo seu titor ou representante legal, así como no marco das actividades de formación escolares, sempre acompañados polo persoal docente correspondente.
Descrición do Servizo
Identificación: Nós-ASR é un prototipo de recoñecemento automático da fala (ASR ou “Automatic Speech Recognition”) en lingua galega, baseado en redes neuronais artificiais desenvolvido polo Proxecto Nós.
Obxecto: O obxecto destes Termos e Condicións é regular a relación entre o/a Usuario/a e o Titular no emprego do Servizo.
Vixencia: Os Termos e Condicións constitúen un marco contractual entre o Titular e o/a Usuario/a. Poden actualizarse en calquera momento sen aviso previo, sendo o deber do/da Usuario/a revisalos en cada novo uso do Servizo.
Uso do Servizo
Suxeito ao cumprimento destas Condicións, calquera Usuario/a pode acceder ao Servizo e utilizalo. Ao utilizar o Servizo, deberá cumprir todas as leis aplicables, así como calquera outra norma ou directriz que poñamos á súa disposición. O Titular reserva para si o dereito de impedir o acceso ao Servizo en caso de vulneración destas Condicións.
A modo de exemplo, pero non restrinxido aos seguintes casos, o/a Usuario/a acepta que, ao utilizar este Servizo, se compromete a:
- Non utilizar o Servizo de forma que infrinxa, se apropie indebidamente ou viole os dereitos doutras persoas.
- Non presentar como revisada ou realizada por unha persoa unha transcrición que foi xerada automaticamente polo Servizo.
- Non cargar, publicar, distribuír ou difundir audios ou transcricións de carácter ilegal, difamatorio, obsceno ou que vulneren os dereitos doutras persoas.
- Non colgar nas redes, ou poñer ao dispor doutras persoas de calquera outro modo, arquivos que conteñan material protexido polas leis de propiedade intelectual e as que regulan os dereitos das persoas, incluídas, a modo de exemplo e sen carácter limitativo, as leis de dereitos de autor ou marcas comerciais e os dereitos como publicidade, intimidade ou os dereitos morais das persoas, a menos que o/a Usuario/a posúa os dereitos correspondentes ou recibise o consentimento necesario para iso.
- Non utilizar calquera material ou información que estean dispoñibles a través do Servizo de calquera forma que infrinxa calquera dereito de autor, marca comercial, patente, secreto comercial ou outro dereito de propiedade de calquera parte.
- Non utilizar os resultados do Servizo para suplantar a identidade doutras persoas, enganar terceiros ou atribuírlles declaracións que non realizaron.
- Non restrinxir ou impedir a calquera outro usuario o acceso ou uso deste Servizo.
Contido
A persoa usuaria pode proporcionar ao Servizo un ficheiro de audio (“Entrada”) e recibir unha transcrición xerada automaticamente a partir del (“Saída”). A Entrada e a Saída denomínanse conxuntamente o “Contido”. A persoa usuaria é responsable do Contido que proporciona ou obtén mediante o Servizo e declara que dispón dos dereitos, licenzas e autorizacións necesarios para cargar o audio e utilizalo con esta finalidade.
Datos persoais: As gravacións poden conter datos persoais, como voces ou información identificable. Por iso, recoméndase non cargar gravacións que conteñan información confidencial, datos especialmente sensibles ou voces de terceiras persoas sen contar coa autorización correspondente.
Propiedade do Contido: Entre o/a Usuario/a e o Titular, e na medida en que o permita a lexislación aplicable, a persoa usuaria conserva os dereitos que lle correspondan sobre a Entrada e sobre a Saída. O Titular non conserva nin almacena o Contido.
Uso ilegal ou prohibido
Como condición para o uso do Servizo, o/a Usuario/a non utilizará o Servizo para ningún propósito que sexa ilegal ou estea prohibido por estes Termos e Condicións. Non poderá utilizar o Servizo de ningún modo que poida danar, inutilizar, sobrecargar ou deteriorar calquera servidor do Titular ou a rede ou redes conectadas a calquera servidor do Titular, ou interferir no uso e goce do Servizo por parte de terceiros. Non poderá tentar obter acceso non autorizado ao Servizo, outras contas, sistemas informáticos ou redes conectadas a calquera servidor do Titular, mediante piratería informática, extracción de contrasinais ou calquera outro medio. Non poderá obter nin tentar obter ningún material ou información a través de ningún medio que non se puxo ao dispor intencionadamente a través do Servizo.
Renuncia e limitación de responsabilidade
O Servizo ofrécese con fins de demostración e investigación. As transcricións son xeradas automaticamente e poden conter erros, omisións ou interpretacións incorrectas.
A persoa usuaria debe revisar os resultados antes de utilizalos en documentos, publicacións ou decisións que requiran exactitude. O Titular non será responsable dos danos derivados do uso ou da imposibilidade de utilizar o Servizo, na medida permitida pola lexislación aplicable.
O Titular poderá modificar, suspender ou interromper o Servizo, total ou parcialmente, cando o considere necesario por razóns técnicas, de seguridade ou de mantemento.